En que proxectos colaboras na actualidade?
Dende o mes de xaneiro estou integrado na Lug Open Factory (na rúa Pintor Corredoira), desenvolvendo un proxecto persoal relacionado co turismo. Alí colaboro ca xente do coworking, nas actividades do centro, no proxecto Atlantic Hubs, e sobre todo cos compañeiros da incubadora de ideas.
Para o mes de setembro teño tres propostas de traballo moi interesantes e agora estou en proceso de reflexión sobre que decidir. Como sabes, tamén colaboro en radio e en prensa escrita.
En que xornais podemos lerte?
Dende o 2013 en Galicia Confidencial, e dende este ano tamén en Lugo Xornal e no diario El Progreso.
Tes algún blogue propio?
Teño un sitio web persoal no que comparto os artigos que escribo para os xornais nos que colaboro, os programas de radio nos que participo, e en xeral todo tipo de reseñas sobre o meu traballo e proxectos nos que estou inmerso en cada momento. O enderezo é www.guidoalvarezparga.com
Como comezou o teu interese polo xornalismo?
O meu pai, arxentino fillo de galegos, é xornalista. Dende pequeno sempre admirei o seu traballo e a súa traxectoria. Viviu en varios países, coñeceu a moitas persoas interesantes relevantes na historia (dende o Che Guevara ata Margaret Tatcher), e tivo variados traballos dende o meu punto de vista moi enriquecedores. Como a miña nai, profesora de Historia, e como eu agora, tivo a sorte de ter traballos nos que sempre estaba aprendendo e ampliando a súa bagaxe. Creo que de aí naceu o meu interese polo xornalismo.
Como é iso de ser Guía Oficial de Turismo de Galicia?
Para min é algo marabilloso, un soño, poder compartir con tanta xente de tantos lugares do mundo as belezas e curiosidades da miña cidade e da miña terra galega. Nestes catro anos guiei para xente de máis de 50 países e tamén para lucenses e galegos curiosos por descubrir máis sobre o lugar onde viven... isto é algo que me encanta! Son un gran convencido do valor do turismo de proximidade, de frecuencia, de barrio a barrio e de vila a vila.
Vin por aí algo chamado Atlantic Hubs... de que se trata?
É un proxecto europeo no que está integrada a Lug Open Factory. Conecta incubadoras de ideas e espazos de emprendemento de varios territorios do arco atlántico. En Galicia, Asturias, Portugal, a Bretaña Francesa ou Inglaterra están algunhas das sedes deste fermoso proxecto AYCH.
E LugOpen?
É un espazo de traballo en común, formación e apoio para emprendedores ou futuros emprendedores. Está localizado no Lug2, na rúa Pintor Corredoira.
Algunha vez quixeches adicarte a algo diferente?
Teríame gustado chegar a xogar no Breogán (risas), pero o meu talento baloncestístico non foi suficiente (máis risas). Polo resto non, en principio... gústame todo o que fixen ata agora e non boto nada de menos... pero si estou aberto a probar máis experiencias no futuro, pois creo que estar aberto ás novidades sempre é positivo para evolucionar.
Que pensas da sociedade actual?
O que máis me gusta do mundo de hoxe é que as distancias son máis curtas, e o acceso á información e maior que no pasado... pola contra o que menos me gusta é que hoxe a xente se relacione menos en persoa que antes, sobre todo os nenos... e que os avances e a modernidade non teñan reducido máis a desigualdade e a violencia no planeta.
Que supón para ti o día de Galicia?
Para min é sempre un día emocionante. Teño un sentimento de galeguidade moi forte, creo que moi influenciado polos meus devanceiros migrantes e pola miña propia experiencia de catro anos no estranxeiro e dez fóra de Lugo. Igualmente, xa sendo un neno pedíalle todos os anos ós meus pais que me levasen a Compostela para festexar o día da Patria Galega. Non me gustan os nacionalismos excluíntes ou presuntuosos (xa sexan galegos, cataláns ou españois), pero me encantan os sentimentos de comunidade, de sociedade, de orgullo polas raíces... algo que, por contra do que digan algúns, non choca para nada con sentirse cidadán do mundo. Os sentimentos de pertenza son algo persoal que cadaquén leva no seu corazón.
Comentarios
Publicar un comentario